UNA DESCRIPCIÓ DE LA DIVERSITAT LINGÜÍSTICA EUROPEA

diumenge, 2 de juliol del 2023

Junts i juntes (és a dir, separats) (i II)

 

 

Amb l'enllaç inserit al títol següent pots llegir la segona part d'aquest article, publicada a Llengua Nacional 123, 2n trimestre de 2023.  


En pots fer tota la difusió que trobis convenient.

 

 

L'amiga Mª Pilar Garcia Negro, de la Corunya (Galícia), filòloga i estudiosa de la llengua i la cultura del seu país, m'ha enviat aquest article seu, publicat a Nós diario el 20 d'abril de 2023, en què tracta el mateix tema. Un excel·lent complement per al meu escrit.

 

Tunear a lingua. Desbaratar a gramática


María Pilar García Negro


Leo noticias como as que seguen: “O Consello de Ministras aproba...”: “Persoal do transporte de viaxeiras irá á folga...”; “Nace unha nova sociedade especializada en representar artistas galegas”... Noutra, infórmasenos de que 1.500 médicas galegas traballan fóra do noso país. A leitura denotativa provoca susto ou surpresa. Será que as ministras decidiron reunirse elas soias; os ministros deberon de saír a pasear ou, talvez, estarían facendo tarefas de conciliación familiar. Seica hai transporte público só para mulleres, non mixto. Mais a sociedade que vai representar as artistas galegas resulta que está formada por grupos só masculinos, agás un, en que existe unha música.  Que haxa expulsión laboral do país que as formou de tantísimas médicas arrepía, claro, porque sería indicativo dunha particular penalización da profisión por seren mulleres. Nada disto é o real, xaora. O que se usa –nunha mestura de inxenuidade e capricho iletrado– é unha morfoloxía feminina para representar o conxunto, feminino e masculino (e, por veces, exclusivamente masculino). A “razón” que teño lido é que ese feminino correspóndese co elidido “persoas”, e aí batemos de cheo cunha evidencia: se nos referimos a actividades sindicais, culturais, políticas, laborais, economicas..., é obvio que o facemos a persoas, non vai ser a simios ou a cuadrúpedes. A “benéfica” intención de marcar gramaticalmente a presenza feminina desemboca así no resultado abertamente contrario: ignoramos (e haina a moreas) a discriminación real do persoal feminino no ámbito de que se tratar. Claro é que o procedemento non é xeral. Non lemos “As delincuentes...”, ou “As atracadoras...” ou “A man da muller está detrás dos incendios...”, obviamente porque tal redacción significaría unha atribución de culpas ao sexo feminino absolutamente inxustificada.

Onde está o problema? En primeiro lugar, na práctica dun automatismo que acredita na seguinte ecuación: -a = feminino; -o = masculino. Segundo esta simplificación, animais como cebra, gorila, llama, alpaca... serían só femias, e as tropas serían só femininas. Cultismos como homicida, suicida, terapeuta, psiquiatra, pediatra, logopeda, poeta, internauta... só se referirían a mulleres, o mesmo que colega, guarda, policía ou testemuña, por non falarmos de todas as profisións rematadas no sufixo -ista. En segundo lugar, descoñécese que, cando a lingua reflectiu un feminino marcado como tal, foi por existir unha especialización laboral mesmamente ocupada (e adoito infrapagada) por mulleres: asistenta, muchacha, verduleira, gobernanta, xastra, aprendiza, oficiala... ou ben por capacidade de compra ou de consumo: clienta. Os Eximios Gramáticos Oficiais (EGO) que lamentaban a duplicación (amigas e amigos, galegas e galegos...) non tiveron tempo, no seu día, para se escandalizaren da creación de neoloxismos como modisto, por exemplo, invento lexical revelador dun status diferente: cando o oficio da agulla entra no mercado e se fai lucrativo negocio, entón é masculino. Vaites, vaites!

En terceiro lugar, o problema REAL está nun funcionamento económico e social (por tanto, político) que continúa a penalizar ou a discriminar mulleres, non na lingua. É naquel onde cómpre a modificación. No noso idioma, a existencia de determinantes indicativos do sexo permite a identificación clara do suxeito referido, para alén do uso consolidado. Entre nós temos naturalizado presidenta, mentres os nosos viciños din: a presidente, e non hai menos presidentas en Portugal do que aquí. O mesmo diríamos de todos os nomes-adxectivos acabados en –ante, -ente  (cantante, viaxante, xerente, prudente, presente...). 

Cada unha das miles de linguas que existen no mundo posúe as súas regras, as súas pautas particulares. O 2º numeral noso dispón de división xenérica: dous / dúas, como o catalán (dos / dues), face á única forma do español, do francés ou do italiano (dos, deux, due). É máis “feminina” ou “feminista” a nosa lingua por isto? Ou por termos duplicidade xenérica nos pronomes de 3ª, 4ª, 5ª e 6ª persoa, face a linguas con formas invariábeis? 

Abráiame a facilidade con que adoptamos-adaptamos pseudonormas procedentes do español ou do todopoderoso inglés. Unidas Podemos “decreta” o uso do feminino “universal”, e a obedecer! Por enésima vez: o problema non está no chamado masculino universal, senón na realidade social e humana que transmite. Regamos a planta ou pintámola de verde, como o xardineiro necio? Ergo: traballamos a mudanza social ou contentámonos coa cosmética?

 

Cap comentari:

Publica un comentari a l'entrada

Creative Commons License

Els escrits de http://dodeparaula.blogspot.com/ estan subjectes a una llicència de Reconeixement-Sense obres derivades 3.0 Espanya de Creative Commons

NOMBRE TOTAL DE VISITES AL BLOG